Sunday 19 de May de 2024

A Teleasistencia da Deputación rexistra 108 novas altas desde a declaración do estado de alarma


O Goberno provincial ampliou o servizo e simplificou os trámites para acceder ao mesmo durante a alerta sanitaria do Covid-19

 

En poucas semanas, a Deputación da Coruña rexistrou 108 novas altas no servizo de Teleasistencia, que a día de hoxe chega xa a preto de 2.600 persoas da provincia da Coruña.

Dous días despois da declaración do estado de alarma, o goberno provincial de Valentín González Formoso anunciou a ampliación da Teleasistencia da Deputación para facela accesible a todas as persoas maiores a demanden mentres dure a alerta sanitaria do Covid-19, así como a posta en marcha dun procedemento de “tramitación exprés”, simplificando os trámites de acceso ao servizo durante este periodo no que se pide á poboación que permaneza na casa.

Estas accións deron como resultado que, ata o día de hoxe, máis dun centenar de persoas solicitaran a alta no servizo. Os concellos de Carballo (9 altas), Valdoviño (7), Arzúa (7), Oleiros (6), Rois (5) e Sada (5) figuran entre os que máis novas altas rexistraron neste período.

“O servizo de Teleasistencia da Deputación está funcionando a pleno rendemento para coidar e acompañar aos nosos maiores que viven sós e dar tranquilidade ás súas familias, que saben que se algo pasa teñen a alguén ao outro lado do botón vermello as 24 horas do día, os 365 días do ano”, afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que lembrou que o prazo para solicitar novos aparellos segue aberto.

Os cidadáns e cidadás que teñan máis de 65 anos, vivan sós e residan en calquera concello de menos de 50.000 habitantes (todos agás as grandes cidades) poden solicitar o servizo de forma totalmente gratuita a través dos servizos sociais do seu concello ou informarse no teléfono 900 533 027 e na web da Deputación da Coruña (dacoruna.gal).